O ex-presidente da República de Colombia visitou Galicia e concedeu unha entrevista ao programa 'Área Pública', no que comentou o proceso de paz que o Goberno de Juan Manuel Santos está negociando coa guerrila das FARC
Álvaro Uribe (Medellín, 1952) foi presidente da República de Colombia entre os anos 2002-2010 e actualmente é senador e líder do Centro Democrático. A pasada fin de semana, Uribe visitou Galicia por primeira vez e aceptou ser entrevistado no programa Área Pública da Televisión de Galicia.
Uribe é moi crítico co proceso de paz que o Goberno de Juan Manuel Santos está negociando coa guerrila das FARC, "o cartel máis grande do mundo e o terceiro grupo terrorista máis rico do mundo".
De momento firmouse un alto ao fogo, despois firmarase un acordo de paz, e logo haberá un plebiscito para que a poboación se pronuncie sobre o proceso, no cal as enquisas revelan que gañará o si. Sobre isto, Álvaro Uribe asegurou que "o plebiscito é ilexítimo" e formulou unha cuestión "que democracia permite que se cambien as regras como se cambiaron en Colombia?".
Establecendo un símil entre o grupo terrorista ETA en España e as FARC en Colombia, Uribe afirmou que "os españois nunca aceptaron darlle plena impunidade a ETA. Non vin que España negocie con ETA para que non vaia ao cárcere polos seus crimes atroces, por que temos que aceptar nós iso en Colombia ante as FARC?".
Así mesmo, Uribe describeu o acordo como unha "impunidade total" xa que "ninguén verificou cantas armas ten as FARC" nin cantas ten que entregar", ao non esixirlle os cartos a este grupo cun "gran caudal de cartos" poderán seguir facéndose con armas, e os crimes deste tipo deben ser pagados con "ata 30 anos de prisión" e "os cabecillas das FARC non terán un só día de cárcere". E asegurou que "a impunidade total é a parteira de novas violencias".
"Nós non pedimos cárcere para a base das FARC pero si para os cabecillas" aínda que sexa por "un período curto e non un período ordinario", asegurou Uribe, quen afirmou tamén que "non permitiremos que lle entreguen o país ás FARC, que llo entreguen ao castro-chavismo, o espello de Venezuela é doloroso".
"Os dous gobernos que presidín completaron case 1200 ordes de extradición"
Publicado en: Televisión de Galicia, España / http://www.crtvg.es/